Moitas son as liñas que se teñen lido nos xornais nas últimas semanas, minutos de entrevistas nas diferentes emisoras radiofónicas e algunha breve pincelada incluso nos telexornais sobre a moción de censura en Pontevedra, (perdón quería dicir Porriño).
O home da imaxe da dereita, ou imaxe da rancia dereita (como prefirades) é Don Rafael Louzán, presidente da Excma. Deputación de Pontevedra dende o glorioso 12 de xullo de 2003 e Presidente Provincial do PP dende maio de 2000, cargos que ademais combina co de concelleiro da súa vila natal Ribadumia (que dito sexa de paso ostenta unha curiosa tasa de funcionarios na Deputación).
Como poden comprobar neste extracto biográfico, o seu vencellamento co noso Porriño e moi forte, "xa dende ben pequeno paseaba da man da súa tranquilamente nai polo campo da feira, de mociño adoitaba tomar un chato de Sansón na de Agustín e bailaba coas rapazas no Young People."
Todo isto ven a conto de que este nome propio foi o que o seu antollo decidiu dar un golpe de e... efecto na política porriñesa, conseguindo de xeito milagreiro (case coma Moisés separando as aguas) a reconciliación da dereita en só un mes tras case sete anos de desencontros tan obvios que hasta nos plenos era cotián que uns votaran en contra dos outros tan só polo feito de non darlle a razón ó seu rival.
Servidor non cree en absoluto nas milagres, e moito menos se ocorren na política, posto que por desgracia esta palabra sacra tórnase en vulgares pecados coma intereses, sobornos, contraprestacións ou chanchulladas do estilo. O que sí e certo que hai algo de común en todas elas, e non é outra cousa que todo isto o pagaremos os cidadáns do noso peto, coma sempre.
Indo ó choio… tralo empuxonciño en forma de postos por parte de Louzán, e trala baixada de pant… exisencias por parte dos partidos máis e menos votados da dereita (a día de hoxe non sei de onde saiu iso do “centro-dereita” porque todos saíron dun mesmo cascarón) chegouse a un acordo “polo ben de Porriño”. Unha afirmación en boca dos tres partidos e que moi pouco tivo que ver coa realidade do día a día na labor de oposición que facían (tanto entre eles coma contra o BNG).
Certo é que creo que o BNG debería ter continuado co PSdeG cun pacto de goberno como xa o fixera na anterior lexislatura e non illarse confiando nos seus 5 concelleiros, que non son demasiados para xestionar un concello de case 18.000 habitantes e cunha intensa actividade industrial, e tan só o alcalde e Pedro Pereira tiñan adicación exclusiva.
En calqueira caso, tamén é de esperar que a Deputación que agora impónnos a Nelson Santos coma alcalde a tódolos porriñeses traia toda a súa maquinaria (¿dende Mos?) ata 2011 a empichar camiños e poñer farolas no monte, cando dende 2003 a súa inversión na vila foi realmente pírrica. Pero qué podemos agardar de alguén acostumado a modificar gobernos municipais como fixo en Mos hai algo mais dun ano, iso si, alí foi menos de guante branco xa que tiveron que conversar con un concelleiro socialista que de súpeto atopou vocación popular tras unha serie de conversas co persuasivo protagonista.
En fin, Mos, Porriño e agora que treman os demais concellos con gobernos do Baixo Miño de outras cores, que o posto de Presidente da Deputación pesa moito, e xa que en 2011 esta comarca terá maior peso no organismo polo incremento poboacional, Louzán tratará de non perder o sillón, que no IKEA vanche caros.
Aquí un par de probas da coherencia política hai apenas 5 meses
O de Louzán non é nada novo… xa o tiñan avisado e non é a primeira nin será a última
Ata o 2011 veremos o que opinan moitos votantes de IdeP que ven como se sucumbiu a CxP, os de CxP que non tiñan en mente chegar a un acordo con Ordoñez, e os do PP que ven como o seu lider local renuncia á alcaldía en favor doutra formación menos votada e coa vista posta tan só na deputación no futuro.
¡Un novo patrono para Porriño!
¡Viva San Louzán! “Lo que no una él, no lo unirá nadie jamás!” (Polo de pronto Mos, Gondomar, Silleda e con toda seguridade Porriño xa non se rompen)
0 comentarios:
Publicar un comentario