Políticos, que non xestores

Así está montado o tema. A fin de contas os cargos políticos, a pesar de ser os toman as decisións sobre a xestión dos recursos públicos e no que se van a empregar, non actúan como xestores. O que fan é adoptar decisións segundo crean que van a ser beneficiosas no que a rédito electoral se refire. E isto o fan aproveitándose da fragmentación xeográfica do electorado, así fanse máis obras das necesarias á carón dunha grande bolsa de votantes en prexuizo dos núcleos máis pequenos.

Sen embargo, as veces este déficit de infraestructuras nos municipios pequenos supón un agravio que vai máis alá do ámbito local. Sería moito máis eficiente gasta-los cartos eliminando a peaxe no tramo da AP-9 en troques de levar a cabo a construcción doutra autovía e dedicar os cartos aforrados en arranxar outras necesidades esparcidas por ahí adiante. Pero obras son amores, e a xente sempre pica neste senso. Por iso queren facer a nova autovía e vendela como un adianto para penetrar na cidade olívica.

¿Mos? ¿iso que é?

Aínda que o día amenceu soleado, o ceo mosense era escuro coma a cinza, a lousa da nova autovía a Vigo xa ten o trazado definitivo, así anunciaba na súa portada o Faro de Vigo. Semella que de nada serviron, como soe ser habitual, as manifestacións, as firmas dos veciños, a oposición do Concello de Mos, da plataforma Defende Mos...

Mos segue a ser o concello máis prexudicado das infraestructuras que ‘necesita’ a capital da área metropolitana. Por ela discorren a tortuosa e masificada A-55, a baleira AP-9, o futuro AVE cara a Portugal, a costeira AG-57, a nova A-57 (Pontevedra-O Porriño) e ademais finalmente a nova autovía cara a cidade olívica. Aproximadamente 60qm2 que ten Mos segmentados en ringleiras de casas e leiras por 6 infraestructuras, que ben poderían ser 4 (AVE,A-57, A-9, AG-57) perfectamente de faceren ben as cousas.


INFRAESTRUCTURAS EN MOS


[1993] - A-55 : Autovía das rías baixas (ou tamén coñecida coma Autovía da morte)
Construída na década dos 90 comunica Vigo ca fronteira portuguesa. O tramo entre Vigo e O Porriño alcanzou unha sinistralidade esaxerada debido o seu pésimo trazado, curvas de radios ínfimos, carrís de incorporación que non acadan nin 20 metros, saídas compartidas, curvas mal peraltadas, iluminación inexistente. Foi feita en boa medida riba do trazado da antiga N-120, e a velocidade era de 120km/h, actualmente reducida a 80km/h e nos tramos perigosos a 60km/h.



[1999] - AG-57 (Puxeiros-Val Miñor)

Autopista que nace en Puxeiros coma un ramal da AP-9 e que comunica cos concellos costeiros de Nigrán e Baiona. Áchase no linde entre Mos e Vigo e non dispón de ningunha saida/entrada no concello de Mos, nin sequera ó Campus Universitario.



[2003] - AP-9 : Autopista do Atlántico (O Ferrol-Tui)

Comunica Ferrol coa fronteira portuguesa, o tramo ata Vigo rematouse a finais dos 70, pero a derradeira fase Vigo-Fronteira portuguesa e de recente construcción, atravesando Mos, pasando moi perto do aeroporto, polo intercambiador de Peinador e do centro urbán do Porriño. Esta, por natureza e a vía que debería ser empregada para comunicar o eixo sur (Portugal) con Vigo e de ahi ó norte de Galicia ademais de unha conexión cercana coa A-52 procedente da meseta. Na actualidade soporta un tráfico ínfimo debido a súa carestía e a existencia da alternativa e gratuita A-55.


[2009] - A-57 (Pontevedra - O Porriño)

Autovía que futuramente enlazará a cidade do Lérez coa A-52 cara a meseta no Alto do Confurco en Porriño. Mos ademáis de albergar unha parte do trazado tamèn será atravesado transversalmente por un vial de comunicación con Puxeiros destino Vigo.



[2013] - AVE (Vigo-Oporto)

Por suposto a saída sur do AVE tamén atravesará o xa segmentado Mos, na sua andaina cara ó norte de Portugal, e aproveitando tal infraestructura retirarase o paso a nivel do Porriño variando o trazado da liña convencional desviándoo cara unha das zonas máis urbanizadas de Mos, coma é a de Sanguiñeda.




A NOVA AUTOVIA


Estas son as infraestructuras que existen na actualidade e as que xa están planificadas e máis ou menos datadas. Ademais das catro vías de alta capacidade que atravesan Mos e da futura saída sur do AVE cara a Portugal, hoxe publicouse a aprobación definitiva da nova autovía cara a cidade olívica. A inversión de esta nova desfeita para Mos terá un custo que roldará ós 170 millóns de euros. Cando a opción máis sensata, que sería liberar de peaxe a AP-9 entre Porriño e Puxeiros, aproveitando unha infraestructura xa existente (e prácticamente deserta), e dotala de unha comunicación coa A-52, prefírese facer unha autovía nova, que só terá sentido para aqueles vehículos que vaian cara a zona da Avda.Madrid, posto que todos os vehículos que vaian cara Coia, Teis, Zona Franca, Bouzas, Aeroporto, Nigrán-Baiona, o eixo Pontevedra-Santiago-Coruña, península do Morrazo... téñeno mais doado empregando a substituida A-55 para dende Puxeiros tomar o rumbo desexado. Un problema que no caso de liberalizar a AP-9 non existiría que ésta desemboca alí mesmo. Non hai unha conciencia de circunvalar a cidade, senon incrustar unha vía de 3 carriles por sentido e limitada a 80-100 km/h nunha entrada (por chamala de algunha forma), que segue a estar cunha restricción de 50km/h e dous carrís cara a Praza de España, e que nese treito en troques de existiren pasos elevados para os peons ainda persisten os pasos de peóns.Esta é a idea que ten Vigo da Área Metropolitana, empregar os concellos lindeiros para albergar todas aquelas obras que beneficien a cidade pero que non precisen estar en ela, sen importarlle o máis mínimo os perxuizos que lle provoquen ó resto dos integrantes de esa área. Iso sí, tódolos servicios téñense que aglutinar detro dos límites da cidade.


É unha mágoa que prevalezan os intereses políticos ás necesidades dos cidadáns de forma tan flagrante coma a que agora nos ocupa.