Os que leemos os xornais a cotío xa estamos un pouco cansos do conto do lobo. Levamos seis anos e medio co becho a albiscar as ouvellas dende o alto da Risca, recórtase a súa silueta nun solpor no val da Louriña ouveando buscando aliados para baixar a vila na procura dun animaliño que non poida ofrecer apenas resistencia e caer nas súas fauces. O xefe da manada apenas ten xa pelo na súa cachola e xa está curtido en moitas batallas, xa atacou en Mos hai agora un ano cando baixou dos montes de Puxeiros e cun axente doble meteulle dente o concello mosense, poñendo a unha lobiña amiga e os seus compañeiros ó mando.
Agora o conto e diferente, ademais de o xefe da manada hai tres lacaios cos que dar o asalto e baixar dos fríos montes e pousar as patas nas plaquetas do empedrado céntrico. Os tres estaban na mesma cuadrilla hai anos, pero a medida que se foron enfadando por diversos motivos íanse separando e facendo a guerra pola súa conta. Pero o vello sabe que se queren ter posibilidades de éxito na súa conquista e non rematar pechados nun camión camiño de Frigolouro teñen que traballar xuntos.
Os cidadáns pasean tranquilos polas rúas, e o conto dos lobos da Risca que xa vai para sete anos non atemoriza a ninguén, “se veñen, estaremos preparados” afirman algúns. Outros din que dende hai tres anos o concello é unha presa un pouco máis facil, dende que non se chegou a ningún acordo, nin de goberno nin sequera de certos puntos básicos. Os arames de espiños que puideron protexer a vila destas alimañas comezáronse a colocar en 2003, pero unha dende que rematou esa lexislatura chegou un halo de falsa inexpugnabilidade e decidiuse mudar esa fortaleza que comezaba a agromar por un ‘aquí mandamos nos’ que agora ten as súas consecuencias.
Veremos si se poñen de acordo e o xefe lobezno provincial pode salvar o seu posto para os vindeiros comicios, para elo Porriño é unha praza importante, pero quedan moitas, os montes do baixo miño tamén verán a súa figura vagar por entre a néboa invernal agardando o momento preciso para atacar sen importarlle moito as concesións ou os tratos que teña que facer si é preciso co diaño.
Os outros tres compañeiros de manada teñen intereses contrapostos, pero incluso o máis acabado de eles, xa sen moitos folgos decidiu aparcar a súa enemistade co mais poderoso e prestarlle apoio incondicional para axudar nesta misión e así poder amarrar algo na súa despedida. O terceiro está a velas vir, sen dicir esta boca é miña e agardando que o xefe lle de un bo posto de retiro lonxe da vila xa que os montes da bisbarra sonche bastante fríos, e en Pontevedra estaría mellor, cunha cadeira de coiro e aire acondicionado no despacho.
Así eche o conto… mais ou menos ¿non?
0 comentarios:
Publicar un comentario