Aínda que pareza que os nosos políticos non queren tal cousa, vanse abrindo pouco a pouco novos tramos do novo eixo atlántico de alta velocidade. Os actuais trens poden ir máis rápido e os tempos de viaxe se van acurtando en espera de dar o salto coas máquinas AVE.
Cando un analiza todo o que se di acerca da necesidade de desconxestionar a AP9 non pode parar de sorprenderse ante a pouca importancia que se lle está a dar a este medio de transporte tan potente. Claro que para ser competitivo verbo da autoestrada non chega con ser tan ou máis rápido, incluso sendo menos rápido pódese ter un servicio atractivo.
Os factores a ter en conta ademáis do tempo de viaxe son: o prezo, a frecuencia de servizos e a intermodalidade. Ainda que o actual servizo Vigo-Santiago-Coruña poida ser o único realmente competitivo de Galicia por tempo de viaxe e por frecuencias horarias, resulta agravante a pouca capacidade seductiva polo alto prezo do billete sinxelo, os bonos desconto de chiste e a nula intermodalidade tren-bus-avión.
Se un individuo paga dez Euros (rexional de sempre), once Euros (pola nova tarifa que se inventou RENFE ó incorporar coches máis modernos pero que fan o mesmo servizo rexional que os vellos retirados) ou trece Euros (tarifa do "directo" R-598) por unha viaxe entre Vigo e Coruña e lle compensa; isto é porque existe unha peaxe na estrada. E aínda así, non chega a captar o suficiente número de usuarios que nos faga pensar que é un medio de transporte realmente alternativo á autestrada.
Outro factor que explica esa diferencia entre o número de xente que se move de norte a sur nun medio de transporte ou noutro é a nula intermodalidade. Se ti queres coller un voo en calqueira das tres cidades, non tes un servizo específico para tal cuestión incluido no billete. Ollo o dato: O aeroporto dunha cidade que todos coñecemos do norte de Portugal vai a ter acceso á plataforma ferroviaria de alta velocidade. E nos non sabemos nin por onde vai ir o chollo.
Por iso que en troques de estar a pensar como podemos rachar máis monte para facer outra autovía paralela, deberíamos razonar un pouco sobre a potencialidade dun medio que está infrautilizado na nosa terra. E de paso cambiar un pouco de mentalidade.
0 comentarios:
Publicar un comentario