AVE ADIF morituri te salutant

Como ben nos apuntou un lector do blog, -o que lle queremos agradecer o seu tempo e opinión- nesta semana tiveron lugar importantes novas no eido da alta velocidade, e que xa tiñamos previsto escribir, pero a falla de tempo as veces imposibilita publicar tan a miúdo coma un quere.

José Blanco por fin puxo riba da mesa o que calquer afeccionado a enxeñería que coñeza o funcionamento da administración xa sabía hai tempo, que o trazado íntegro ata Galicia non chegará no 2012 -segundo unha opinión persoal e se non hai demasiados problemas constructivos ata 2016-. O de Palas de Rei desacreditou así a testuda da sua antecesora no cargo Magdalena Álvarez, que como ben apuntaba o noso lector, disfrutará dun asento en Bruxelas -supoñemos que para dar renda solta a súa facilidade de palabra e dicción no parlamento europeo-.


A Galicia chegará verdadeira AV

Xa apuntei nun artigo de hai unhas semanas, que debería ser motivo de ledicia que a infraestructura que finalmente se leve a cabo sexa verdadeiramente competitiva, e non a chapuza que nos tiña plantexada o popular Cascos co gallo do Plan Galicia. Por outra banda tamén hai que dicir que o goberno socialista tivo moito tempo para rectificalo antes e non ter que agardar á chegada de Blanco ó Ministerio de Fomento para darlle a Galicia –e a Lugo- unha verdadeira autoestrada ferroviaria, e non una descafeinada ‘vía rápida’, como acostuman a encasquetarnos os populares.
Mapa actual da rede na zona noroeste, (velocidades máximas por tramo).



Posible paliativo : electrificación Lubián - Ourense


A parte negativa de esta adecuación ós parámetros de alta velocidade ten coma contrapunto o prolongamento das obras, xa que hai que remodelar boa parte do proxecto, cos trámites que iso supón. Para en certa medida paliar esta demora, Blanco plantexou a posibilidade de electrificar o treito Ourense-Lubián para que os automotores de AV de ancho variable poidan efectuar os servicios con Madrid empregando o ‘directo’ –o que empregan habitualmente os talgos con destino Chamartin-. Estímase que a duración do traxecto poderíase reducir nunhas tres horas, pero tendo en conta a sinuosidade do trazado e da necesidade de empregar intercambiadores de ancho, non sería facil rebaixar o traxecto das 4:30 - 5 horas. En todo caso esta mellora non pode permitir un relaxo na construcción do novo treito por parte de ADIF,


Viabilidade da obra


Tendo en conta a orografía do treito entre a cidade das burgas e Lubián, e o uso de tuneladoras para facer os numerosos pasos subterráneos polas escarpadas serras, as obras extenderanse no tempo, polo cal, non sería lóxico ter unha rede de AV en Galicia desconectada completamente –salvo por Monforte, moi ó norte- do eixo Madrid-Medina del Campo. O importe que se supón que tería esta obra de electrificación sería duns 100 millóns segundo as primeiras estimacións, ademáis é posible que teña certos problemas co gálibo en moitos túneles debido a obras de reforzo nos mesmos acometidas nos 60.

Persoalmente, creo que debería acometerse unha seria mellora do estado de esa liña, renovación da plataforma e facer unha electrificación completa ata Medina del Campo, hai que entender que esta liña é a máis directa coa capital do estado e debería ser a empregada para o transporte de mercadorías, no que habitualmente se empregan locomotoras eléctricas para traccionalos, ademáis de aforrar kilómetros, sería unha saída alternativa, -hai que lembrar que só hai dúas conexións de ancho ibérico en Galicia cara o resto da península-, isto tamén melloraría a capacidade e operatividade das mesmas, xa que actualmente todas os mercantes teñen a súa saída por Monforte, onde se require inversión de marcha para poder proseguir o seu camiño, coa súa conseguinte perda de tempo.

Pero para tempo perdido o que levamos os galegos… AVE ADIF morituri te salutant

0 comentarios: