Somentes un pouco de orde, nada máis.

Arranxar os problemas que ten o transporte público no entorno das cidades galegas e, concretamente, no área de Vigo está a resultar unha cuestión un tanto mística. Xa tratamos este tema a comezos do ano cando saiu nos medios a posible subvención ó transporte de ría como previo paso para ampliar tal mecanismo ó autobús de liña. Recordamos coma o alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostraba o seu rexeitamento (con desplante incluido) a cofinanciación do billete por parte do seu concello, ó considerar que esa institución xa colaboraba dabondo noutros programas de axuda ó transporte colectivo.

O caso é que cambiou o goberno da Xunta, o tempo vai pasando e semella que todo está moi parado. Únicamente podemos sinalar como novidade a intención (xa reflexada nos programas electorais dos comicios autonómicos) de crear unha cousa chamada "ente xestor" para implantar os servios de cercanías ferroviarios. Servizos que xa son habituais en Asturias, rexión cunha renda per cápita e unha xeografía similar á galega.




Din que "as cousas de palacio, van despacio"; pero cando de facer unha nova estrada se trata a velocidade de reacción resulta sensiblemente maior. O transporte por estrada de mercadorías e a mobilidade de persoas en vehículo privado son elementos básicos nunha terra tan espallada coma Galicia. Pero nunca arranxaremos os evidentes problemas das cidades e os seus contornos industriais, se non terminamos de apostar por un modelo adecuado de trasporte público.

Os diferentes plantexamentos que se foron facendo neste senso son erróneos, quizais por iso sempre caeron en saco roto. Por exemplo, non se pode confeccionar un sistema de transporte metropolitano sen incluir un servizo de cercanías por tren naqueles puntos onde resulte máis competitivo este medio de transporte, coma tampouco se pode deseñar unha suvbención para rebaixar o custo unitario dos billetes sen facer un ordeamento do sector e unha análise máis rigurosa na demanda dos servizos.




Outro grave erro dos plantexamentos que se fixeron consistiu en que o sistema se poña en marcha naqueles concellos que se sumen ó citado plan. ¿Que pasa se un servizo poder ser viable para unha determinada zona pero existen fenómenos burocráticos ou políticos que frenan a súa posta en marcha?

Non creo que sexa necesaria tanta directriz, tanto plantexamento estéril ou tanta formalización de entes burocráticos para poñer a circular X trenes e Y autobuses nas Z concesións públicas que hai; todo cuns horarios e cuns prezos, suvbencionados ou non, pero que resulten atractivos para captar unha maior cantidade de clientes habituais. A non ser que todo sexa unha cortina de fume para falar de algo...

0 comentarios: