Doente: O Porriño. Diagnose: Parálise

Estes días pódese contemplar unha fermosa exposición na Casa da Cultura, da evolución do transporte na capital do val da Louriña, dende o tranvia, pasando polos primeiros coches, autobuses e a chegada do ferrocarril. Nela ademais o espectador ten a posibilidade de ollar unha configuración dunha vila con aspiracións a cidade, dúas arterias principais como eran a estrada a Castela, e outra a Camposancos, espiña vertebral dunha vila con varios referentes visuais, como o Concello e a Igrexa de Santa María.


Afortunadamente hai recunchos que gozaron de protección

O tempo foi pasando e a vila estendeuse cara o sur pola estrada a Camposancos e a rúa Domingo Bueno, pero veu limitada a súa expansión debido os camiños de ferro, que impediu que o cemento se achegase o Louro. Cara o leste non houbo ningunha infraestructura que impedise o crecemento, e polo tanto a antiga estrada a Castela serviu de arteria que alimentou o crecemento do Porriño cara a capital do Estado cunha dispersión mais racional.


Vivir das rendas

Hoxe en día o único que temos a maiores de todo isto son as autovías que teñen o papel de circunvalar a vila, estradas que nada teñen que ver coa iniciativa local, que debería adicar os seus esforzos a prantexar a futura configuración urbanísticas do Porriño. Pero tralo PXOM do 2003 e despois de 6 anos, nada mudou, apenas unha rúa nova, a recuperación duns cantos metros cadrados de zona de ocio no parque do Cristo, e da peonalización dun treito de Ramón González. Seguimos a vivir das rendas herdadas de comenzos do S.XX, unha configuración tan equilibrada coma arquitectónicamente impoluta, co protagonismo da figura máis importante xurdida no Porriño, Antonio Palacios, cuias obras eran o referente visual dunha aldea vida a mais.


Rotonda das Angustias cunha maraña de grúas de fondo

Estamos ás portas da segunda década do S.XXI, e sen haber feito nin a máis mínima obra de expansión, de creación de zonas de lecer, deportivas e demáis… continuamos a pechar tramos ó tráfico rodado, a ralentizalo e poñer plaquetas de pedra novas onde xa se puxeron hai non moito. Non estou en contra de devolverlle ó peon os espazos que o automóbil lle foi roubando co paso do tempo, ó contrario, pero entendo que unha vila que multiplicou a súa poboación dende o comezo do S.XX non pode seguir desenrolando a súa actividade sen haberen feito o máis mínimo esforzo de cara a artellar un tecido de rúas amplas a maiores das herdadas.


O Louro e o seu entorno


O Louro, río que da nome ó noso val, foi esquencido e apartado da sociedade, e agora apenas un carreiro a modo de ‘paseo’ recórdanos que segue ahí fluindo cara o Miño, marxinado coma un condenado no corredor da morte. Namentres 200.000 metros cadrados que apenas distan 500 metros en liña recta da praza do Concello seguen a estar sen o menor uso, a pesares de seren catalogados coma zona verde no PXOM de 2003. Un barrio tan emblemático como o da Malladoura continúa a parecer unha aldea do rural lucense, coa salvedade que se atopa a 2 minutos andando tamén dende o Consistorio.



Foto denuncia de Greenpeace do estado do Louro anos atrás



Parálise e desequilibrios

Xa nun plan que data de 1966 preverase a construción dun vial que nacía no entorno da Pontenova, e que atravesando Pego conectaría Domingo Bueno, coa prolongación de Antonio Palacios, dándolle sentido e orde a expansión dunha vila na que edificios de 5 plantas fan sombra a leiras improdutivas, pero é igual, isto tan só son exemplos da parálise do Porriño.

¿De que nos vale ter tanta industria se logo temos que irnos a Salvaterra ou Tui para desfrutar dun parque, a Mondariz a darnos un baño no río ou a Mos para xogar un partido de fútbol?

Namentres outras cidades volven a empregar o tranvía para facilitar a mobilidade nos seguiremos ollando cara outro lado, coma fixemos co Louro, arrincando as vías da pedra da rúa Antonio Palacios, soterradas baixo o piche.

¿Triste, non si?.


1 comentarios:

Anónimo dijo...

Muy bueno.