Con Juan Pardo no cerebro

O Tíovivo_ por Martín Romaña
En realidade non importa se o Citroën de Feijóo pasará por Coia ou por Monmartre, o importante é que o PP dominará o volante do goberno da Xunta durante catro anos, co manguito do turbo óptimo e unhas llantas de aleación brillantes, como esas que locen os coches de paquete. Por se isto soa a pouco, a esquerda no país, a oposición a este novo goberno, está esnaquizada e, o que é peor, triste, desacougada e sen folgos.

Nestes momentos temos un PSdeG crebado. Touriño escapa sen mirarse o embigo botando a culpa da perda do goberno á suxa campaña dos populares sen decatarse de que non hai campañas electorais suxas ou limpas, tan só efectivas ou non. O PPdeG non ganou as eleccións enchendo As Travesas ou Palexco, senón levando a Rajoy a centros sociais de Escairón ou Becerreá.

Por outra banda, os nacionalistas, facendo mellor campaña, saen da batalla moralmente fustigados. Tendo consellerías máis vendibles e populares, non foron quen de sacarlle proveito electoral quizais porque, ao tempo que entraban en contacto co paisano, non disimulaban unha arrogancia novata e unha prepotencia pouco intelixente, recén creada, como de novos ricos con pisito en Baiona.

De todos os xeitos, o bipartito non perde o poder por unha mala xestión na Xunta, senón por unha pésima campaña electoral. Quince días dunha campaña ridícula botaron as esperanzas de milleiros de galegos por un barranco, xa veredes, profundo. Eles saben que perderon esta oportunidade por non estar ao carón da xente e iso doe o triple. Touriño e Quintana pasan á historia como os signos gráficos dunha paréntese positiva, si, pero incompleta. Os galegos nunca deixaron de tararear na intimidade aquela de "Xuntos máis fortes" e o pasado 1 de marzo foron votar con Juan Pardo no cerebro. A esquerda non soubo prevelo.

1 comentarios:

Anónimo dijo...

Jejje, moi boa a reflexión!!!