Así o asegura, segundo A Peneira, o concelleiro responsable na materia, Marcos Rodriguez Novás, case un ano despois de que se dera a coñecer o proxecto por parte da conselleira de deportes na Xunta, Ánxela Bugallo.

A consecución deste tipo de terreo para sustituir o campo de terra é unha vella aspiración do clube de fútbol afincado en Torneiros, o histórico Porriño Industrial. No seu tempo sonou para tal fin a rede de campos de herba sintética de segunda xeración que ven promovendo e financiando a Deputación de Pontevedra nos últimos anos. Nembargantes, a falla de fluidez na relación institucional entre o concello (BNG) e a Deputación de Pontevedra (PP) deixou en saco roto esta infraestructura deportiva, inclusive tivo paralizada a finalización dos traballos para construir o novo campo da Unión Deportiva Atios.

O comezo das obras é para Febreiro e cun prazo de execución de tres meses, segundo se informa no blog do citado rotativo. Por noticias de arquivo sabemos que a Xunta tiña pensado invertir 700.000 Euros no proxecto, aínda que non temos a día de hoxe información algunha sobre o presuposto final das obras, pero supoñemos que en breve sairá o anuncio correspondente no DOGA.

0 comentarios: