Se a unha débeda financeira de considerables dimensións lle sumas uns presupostos irrealizables e ficticios, o que obtés non pode ser moito máis que números vermellos e parálise. Á minuciosidade que se empregou na manobra política de reafirmación como goberno por parte do BNG -aprobando uns presupostos vinculados a unha moción de censura- non a tiveron desta volta para tentar facer crer que non poden facer obras por culpa do bloqueo de outros partidos –salvo IdeP cun discurso tan claro coma demagóxico-.

Explícome, esas obras que o BNG recalcou ata a saciedade que eran básicas para o desenrolo do municipio –cousa na que estou de acordo vendéronse como que eran factibles, que estaban no presuposto e por tanto un supón que hai recursos propios para facelas. Diso nada, eses preto de 5 millóns de euros que aparecían na partida de inversións estaban ligados á venda de dúas parcelas. E dicir, espir un santo para vestir outro. Recorreuse ó doado, a vender patrimonio para investir nesas obras.

Xa apuntamos noutros artigos a necesidade de mellorar as partidas de ingresos e controlar o gasto, un concello con tal actividad económica non pode ter que andar a vender patrimonio para facer ¡obras de saneamento!, que somos case 18.000 habitantes e cunha cifra de negocios e de construcións nestes últimos anos moi elevada ¿qué se fixo con tódalas taxas e impostos?. ¿Ónde foron os case 6 millóns de euros de previsión de ingresos por licencias de construcións? Ah, que estaban inchados, pois vaia, mágoa!

Aínda así tiveron outra oportunidade de demostrar o que logo venden, priorizando obras cos case 3 millóns de euros que o concello recibiu para obras enmarcadas no Plan E, pero mesmo así en lugar de empregalos todos en obras de saneamento nas parroquias tan necesarias e importantes –que quede claro decidiron gastar 1,2 millóns en dúas humanizacións.

Agora que lle explique Pedro e Francés ós veciños –que a bo seguro defenderán que quedaron sen saneamento por culpa dos outros porque empregan 1,2 millóns en actuacións que se poden facer máis adiante (iso é priorizar) en lugar de facer que as augas fecais de varias parroquias máis vaian á depuradora.


0 comentarios: