A democracia que queremos

Xa son 36 as horas que pasaron dende as celebracións electorais do 22M, as análises, crónicas e editoriais seguen a saír... E servidor ten a sensación de que non temos entendido nada. Por suposto acata a decisión das furnas como demócrata convencido que son, mais o meu corazón tamén alberga a demanda enérxica dunha remodelación dun sistema electoral e político que con máis de 30 anos ten demostrado que precisa dunha boa reforma.

O pasado domingo foron demasiados (máis de cero) os políticos con serios indicios de corrupción que accederon a cargos de responsabilidade municipal ou autonómica, mocións de censuras que foron aceptadas e refrendadas polos cidadáns, partidos que queren prohibir as coalicións pero que tras ver que precisan das mesmas para gobernar nalgúns lugares, non dubidan en mudar de opinión sen o mais lixeiro sonroxo nin vergoña.

Os cidadáns votaron en clave nacional a elección das persoas máis achegadas que rexerán o futuro do seu concello, hai motivos para o descontento e para mudar o voto quen queira, por suposto! O problema é votar de xeito partidista a política municipal, gostaríame saber cántos votaron  no Porriño pensando en Zapatero, Rajoy e Guillerme Vazquez e cantos en Iván, Nelson ou Raúl.

Unha vez rematado toda a parafernalia electoral, sí podo decir que palabras coma clientelismo, coaccións, acarrexas ou corrupción seguen de actualidade coma xeito de entender a politica para moitos.

Namentres, o movemento 15M segue o seu curso propoñendo unha reforma tan pacífica coma construtiva dun sistema político español, que, con 30 anos sen tocar quedou prehistórico, perpetuando o bipartidismo, eliminando a capacidade crítica interna e externa, esquecéndose de para quén gobernan, iso si, mantendo un status quo en canto os seus privilexios, que insultan directamente o cidadán de a pe aínda máis nunha situación coma a que estamos a vivir.

¿E os teus?

Lendo o comezo do artigo e o final semella que estou falando de dous lugares completamente diferentes, porén ambas son relatos da mesma España, dunha que mira cara o futuro e quere formar parte do sistema como parte activa e outra que opina que con botar un papel cada 4 anos cun paxaro azul ou unha rosa vermella é suficiente democracia e participación.

0 comentarios: