Póñame o dobre, por favor!

O novo plan xeral de Mos nace co obxectivo de cubrir unha dinámica poboacional tan medrante coma a súa multiplicación por dous. Estas son as expectativas que establece a recén estreada ordeación do territorio. ¿Pero que quere dicir isto realmente?

Analizando as tendencias demográficas non parece moi probable que nun prazo de dúas décadas se alcanzen os trinta mil habitantes
. Para que iso sucedese tería que haber un punto de inflexión moi forte na inmigración e para que isto último ocorrese sería necesario bastante máis que unha expansión de solo residencial. Os servizos que ofrece o municipio (se non hai un efecto prezo coma no caso de Salceda) deberían multiplicarse por tres para que municipios cun casco urbán coma Porriño, Redondela ou Ponteareas non proseguisen coa expansión que xa teñen en curso.

Demasiado optimismo, por iso non creo nestas planificacións tan estrictas; penso que o máis axeitado sería unha ordeación moi xeral para definir os principais cambios estructurais e logo aplicar as leis de urbanismo que sexan de referencia. A fin de contas un prazo de redacción dun plan de urbanismo non é outra cousa que unha merenda para os constructores e os promotores.

O concello de Mos pode ter un bo desenrolo se centra a súa oferta coma zona residencial con boas comunicacións por estrada coa cidade. Nembargantes eu teño a impresión de que os políticos cando falan de expansión poboacional nada máis que pensan no número de vivendas a construir e non na xente que poida habitar nelas e na vida que se lles ofrece. Pero isto pasa en Mos, no Porriño máis en todas partes.

0 comentarios: