GALICIA: O AVE non sei, pero a LAV seguro que si.

Parece que algún que outro lector comezou un interesante debate nesta páxina acerca da necesidade ou non de invertir na liña de alta velocidade ferroviaria (LAV) en Galicia. Un tema xa tratado no Progrelo e que sempre supón un reto por conviccións persoais. Pensemos que RENFE é unha empresa de monopolio e isto pode cambiar no futuro, coma cambiou na ponte aérea de IBERIA, que agora ten competidores a baixo custo.

Efectivamente, agora parece unha barbaridade pagar 60 Euros por sete horas de viaxe en tren a Madrid, pero... ¿Alguén se acorda de canto custaba o billete de avión fai 15 anos? Isto pasou porque o mercado da aviación comercial estaba un tanto verde. Pois no caso do tren pasa algo similar, pero se debe máis a unha serie de atrancos legais que, esperemos, se solucionen no futuro (hoxe en día xa hai competencia nos servizos de mercadorías).

A "carrinha" de Porto-Vigo, un servizo que fai unha media de 45 km/h. ¿E mellor deixalo así porque xa temos dúas autopistas, unha libre de peaxe? Penso que non.

Unha cousa teño clara: non é aceptable nos tempos que corren que nunha distancia de 100-600 kilómetros se tarde máis en tren que en coche. Cada cual que elixa o medio de transporte máis axeitado según o custe e o tempo de viaxe, pero a actual infraestructura necesita volver a ser competitiva. Eu entendo que un servizo "normal e frecuente" no ano 2009 non se debe parecer en nada ó que agora temos; coma seguro que a estrada e os coches para ires a Santiago ou Madrid non son os mesmos que fai 50 ou 25 anos.

Por outra banda, a única forma de ires cara un modelo sostible, que permita arranxar os atascos nas cidades, que sexa menos dependiente dos prezos do petróleo e menos contaminante; é precisamente a inversión en transporte público de calidade, barato e intermodal.

0 comentarios: