Un goberno refrendado

Ese podería selo titular resultante dos recentes comicios celebrados e que deixa o PSOE moi preto da maioría absoluta subindo 5 deputados, os mesmos nos que incrementou a súa nómina o PP, aínda que os primeiros apenas lles custou algo máis que 38.000 votos respecto as anteriores eleccións, e no caso dos populares precisaron acadar medio millón máis que no 2004. Zapatero e Rajoy xuntaron 21,2 millóns de papeletas das 25,5 que entraron nas furnas, o que representa máis de un 83% da totalidade. Este dato fainos reflexionar no grave bipartidismo ó que estamos chegando en España,só apenas o 17% dos votos repartíronse entre tódalas outras forzas. Isto no que se refire a porcentaxes de votos, xa que no de reparto de escanos a cousa varía ata outorgarlle un 92% de peso a estes dous partidos, debido a inxusta lei electoral.


O principal prexudicado da lei electoral vixente foi coma sempre IU, que con preto de 1 millón de votantes tan só acadou 2 deputados fronte ós 5 que mantivo na derradeira lexislatura, perdendo o grupo propio, e segundo a porcentaxe de votos obtidos debería obter 14 deputados. Outro partido a quen lle afectou moi negativamente esta lei que premia a concentración de voto foi UPyD comandado pola ex-socialista vasca Rosa Díez que conseguiu acta de deputada pero que se os que mandasen foran os porcentaxes de votos debería ter polo menos 3 máis. No caso dos partidos nacionalistas o máis destacable foi a importante baixada de ERC que non chegou a acadar nin a metade de votos dos que tivo en 2004, baixando, iso si de 8 a 3 deputados. Tamén peores resultados acadaron PNV e CiU ainda que con consecuencias diferentes, namentres que os vascos pasan de 7 a 6, os cataláns suben 1, ata os 11. Tamen baixaron os de Coalición Canaria perdendo un acta. Pola contra os que subiron foron, BNG e Na-Bai ainda que non viron modificada a súa representación parlamentaria, iso sí, Na-Bai consegue un acta con unha cifra pírrica de votos, tan só algo máis de 62.000.


Probablemente o grupo mixto centre a súa lexislatura en tratar de modificar a lei electoral, algo que viría ben no senso de permitir reducir peso ó bipartidismo en detrimento de outros partidos nacionais con menor concentración de voto, coma IU, e UPyD e de paso promover que outros partidos teñan posibilidade de ter voz na cámara. Deste xeito tamén se conseguiría unha representación máis fiel das diferentes sensibilidades que hai en España. Tampouco estaría de máis unha reforma do Senado, xa que este órgano ten unha misión case testimonial, co que creemos que sería necesario un pulo para devolverlle o senso que debería ter. Aínda que parece evidente que ningún dos dous pesos pesado estaría pola labor de tocar esta lei.

0 comentarios: